lunes, 18 de abril de 2011

Ás veces digo amor

Chove. Moito. Tamén trona. O ceo vese azul e gris. As rúas molladas. A area da praia vaise facendo escura. As gaivotas escapan voando rápido. Pola ventá entra un airiño frío, fresco. Eu co libro aberto, intentando intentar estudiar... para dentro dunha semana. E lémbrome dos poemas que atopara outro día de estudio; poemas e textos dignos de ensinar aos demais. Bos poemas. E é que os libros non só sirven para estudiar, senón que tamén fomentan as miñas ganas de seguir lendo eses autores. E cando te idenftificas tanto cun poema que te quedas uns segundos mirado para el sen facer nada máis... cando sintes que está escrito para ti, que llo deberías enviar a esa persoa...  [amigo, amiga, irmán, pai, mai...] pero logo pénsalo mellor. "Non. Dá igual. Para que? De que me sirve? Si as cousas van seguir igual...."
En fin.... Entre eles, está este marabilloso poema, que me fascinou nada máis ler os primeiros versos:

Ás veces digo amor
e só teño silencio
ás veces digo patria
e sei soamente que esta é a terra que nos deron
e nela asento os meus pasos para sempre
sen máis preguntas ensarillando o vento
ás veces digo amor
e ninguén fala
e segue o tempo caendo lentamente 
medido polo espasmo do reloxo
e ti pasas
sen mirar     sen me mirar
como un fantasma enviso    aqueloutrado
sen me ver
e sigo un pouco máis
calada
levo o selo do teu desleixamento sobre so beizos
e sinais no meu brazo da túa ausencia
levo o rostro mancado e os dentes malferidos
de tanto afastamento
ás veces verto os ollos sobre a terra
miro de esguello a fiestra do suicida
repito amor
e só ecoa o silencio no baldeiro.

Pilar Pallarés, Sétima soidade



1 comentario:

  1. Pilar Pallarés é grandísima :)

    íache gustar María Lado.
    e de seguro que Yolanda Castaño tamén.

    mira, prestáronme fai bastante o último libro de P.Pallarés [e aínda non o devolvín xDD]

    este poema gustoume moito :

    e cando chega o tempo da memória ódio-te
    e volto à casa da nai o teu rosto
    é un fragmento resgatado d Xardin das Herpérides

    un exército deserta dos meus dedos
    instala no meu sangue os seus tambores
    adentra-se en escuma

    pola banda do leste derrubou-se o horizonte da tarde

    nai similar ao saivo do seu sexo é o da vinganza
    apiada-te de min que xazo á esquerda do leito
    con fame da súa boca e do seu cuspe
    e unha edra no ventre

    nai fai-me unha coroa de diminutos dentes que me mordan
    apiada-te de min
    que fun detida pola espada de deus á porta do Paraíso
    e ando extraviada con nostalxia da sua língua áspera
    /e lacre no meu van
    desposuída da sílaba inicial de todas as palavras
    e xa tan dada á morte

    nai di-lle que o guerreiro
    ensinou-me que o amor e ódio crecen do mesmo húmus
    e asi no ódio amo e no seu corpo espero

    nai di-lle que me sítie
    e o prezo da súa refén sexa mui alto
    e que ceive os seus cans
    e me devoren

    ResponderEliminar